Falece un mozo de 19 anos en Ordes, un motorista en Lugo e sete feridos máis nas estradas galegas

2 minutes read

O sinistro máis grave foi na estrada que une a localidade coruñesa de Ordes con Buscás, no lugar de Vilariño, onde se rexistrou unha saída de vía dun turismo e que acabou coa vida dun dos ocupantes. Foi a única vítima dun sinistro no que, ademais dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, interviñeron os Bombeiros de Ordes ante a posibilidade de que algún dos ocupantes estivese atrapado. Finalmente, comprobaron que todos eles estaban liberados e accesible e, por tanto, descartaron a súa actuación.

Igualmente, desde o 112 Galicia, informouse da situación aos axentes da Garda Civil de Tráfico.

En Lugo faleceu un motorista noutra saída de vía. O accidente aconteceu na estrada nacional sexta, a altura dun dos desvíos cara o Polígono do Ceao. O falecido é un varón de 52 anos, veciño de Taboada. Os indicios previos apuntan a que o home bateu coa divisoria dun dos carrís de servizo e saíu despedido varios metros polo asfalto. 

Colisión en Carballo
Ademais, de madrugada en Carballo, outra chamada dun particular activara a alerta no 112 Galicia por mor doutro accidente de tráfico no que houbo tres vehículos, dous turismos e unha furgoneta, implicados e resultaron feridas dúas persoas, trasladados ao centro hospital de referencia.

A colisión produciuse na AC-413 e, malia a que os servizos sanitarios aseguraban que había unha persoa atrapada no seu interior, non foi preciso o uso do material de excarceración, xa que, tras a chegada dos Bombeiros de Ordes, puideron comprobar que a persoa xa se atopaba fora da furgoneta.

Tamén, foron informados polo 112 Galicia, os Bombeiros de Carballo, aínda que, finalmente, non chegaron a intervir, os axentes da Garda Civil de Tráfico, a Policía Local e os membros do Servizo Municipal de Protección Civil da localidade.

Coche envorcado
Uns minutos despois, preto das dúas da madrugada, unha saída de vía tras unha colisión entre dous turismos na Rúa Aquilino Sánchez, no Carballiño, mobilizou aos Bombeiros do Carballiño ante a posibilidade de que o ocupante dun dos vehículos estivera atrapado no seu interior. Así o indicaban os propios alertantes tras chamar, ás 02:00 horas, ao 112 Galicia para dar conta do suceso.

A condutora do vehículo envorcado e única ocupante, saíu do interior polos seus propios medios e tras ser valorada polos servizos sanitarios no mesmo lugar, foi trasladada ata o centro hospitalario.

Ademais dos Bombeiros e persoal sanitario, interveu a Policía Local e o Servizo Municipal de Protección Civil da localidade.

En Teo un ciclista resultou ferido na estrada Nacional 550 no lugar das Galanas, no cruce da AG-56, a autovía que comunica con Brión. Por causas que se investigan un conductor atropelou ao ciclista, ferido de consideración foi trasladado ao hospital clínico.