Un operario faleceu na tarde deste venres no concello pontevedrés de Mondariz despois de sufrir un accidente mentres traballaba cunha árbore na estrada que une as localidades de Cernadela e Sabaxáns.
De acordo coa información facilitada polas persoas particulares que chamaron ao 112 Galicia para pedir axuda, o home atopábase inconsciente nas proximidades da Ponte de Sabaxáns. Durante a comunicación, alertaban que o incidente puido ser provocado por unha árbore que alcanzou ao traballador.
De inmediato, desde o 112, pasouse aviso aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que, debido á gravidade das lesións sufridas polo operario, informaron da mobilización do helicóptero medicalizado con base en Ourense ata a zona. Unha vez no lugar e ao comprobar que o varón estaba falecido, o equipo médico de urxencias comunicou a anulación da aeronave.
Para aclarar as circunstancias do suceso, ata o lugar desprazáronse os axentes da Garda Civil tras ser avisados polos xestores do 112. Ademais, tamén se solicitou colaboración dos membros de Protección Civil da Mancomunidade Oitavén-Tea.