Falece unha motorista en Catoira tras chocar contra un poste

1 minutes read

Unha motorista de 51 anos de idade morreu nun accidente de tráfico en Catoira a última hora da tarde deste domingo. O sinistro tivo lugar no quilómetro 6,30 da estrada entre Vilagarcía e Pontecesures (PO-548) ás 20.15 horas cando unha moto na que circulaban dúas persoas sufriu unha saída de vía nunha curva. A acompañante, unha muller, saíu despedida e chocou violentamente contra un poste de formigón dunha viña que había na marxe da calzada. O casco non puido evitar que a violencia do golpe causase a morte da motorista. Por outra banda e segundo informa a Garda Civil, o piloto da moto, que resultou ferido leve, deu positivo no control de alcoholemia efectuado polos axentes (0,63 mg/ l na primeira proba e 0,60 na segunda). Ao lugar dos feitos acudiron a Garda Civil de Tráfico, Protección Civil do municipio e emerxencias médicas.