Falece unha muller de 98 anos no incendio dunha vivenda en Bergondo

1 minutes read

As persoas afectadas chamaron ao 112 Galicia uns minutos despois das oito da mañá deste mércores. Expuxeron unha situación crítica, cunha persoa enferma no interior da casa e outras tres, dous adultos e unha menor, na procura dun acubillo.

Decidiron subir ao tellado da vivenda e alí esperar a chegada dos bombeiros, tal e como explicaron nunha segunda comunicación ao 112 Galicia. De alí, da cuberta superior da casa, foron rescatados e postos a salvo á espera da asistencia médica. Finalmente, resultaron ilesos.

Pola contra, os equipos de emerxencias atoparon no interior do inmoble, a unha cuarta ocupante xa sen vida, e, para facer fronte aos labores de extinción e ventilación, solicitaron material especializado na evacuación do fume e no control da temperatura que puido alcanzar o incendio.

Todo aconteceu nunha vivenda unifamiliar situada na Aldea de Arriba, en Bergondo, e, ademais dos Bombeiros de Betanzos, acudiron os voluntarios de Protección Civil da localidade e os axentes da Garda Civil.

Contouse tamén coa colaboración dunha dotación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que confirmou o falecemento dunha muller e o bo estado de saúde dos outros tres ocupantes da vivenda, dous adultos e unha menor.