Falece unha persoa en Lugo tras dar varias voltas de campá logo de saírse da vía o coche no que viaxaba

1 minutes read

Outro ocupante do vehículo sinistrado foi trasladado ao Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo (HULA) polos servizos sanitarios.

O 112 Galicia tivo constancia do accidente ao fío das catro e media da tarde deste domingo. Foron varios particulares os que contactaban co centro de emerxencias para pedir axuda.

Todos os alertadores coincidían no relato, un coche que circulaba pola A-6, quilómetro 501, ao seu paso por Pías, dirección Coruña, na cidade de Lugo, dou varias voltas de campá e que había persoas no seu interior posiblemente atrapadas.

Decontado, o 112 Galicia puxo en marcha un operativo de intervención formado polo persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Bombeiros de Lugo, Garda Civil de Tráfico, Policía Local e persoal de mantemento da vía.

O persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 confirmou ao 112 Galicia que unha persoa faleceu e outra foi trasladada ao HULA.

Así mesmo, os Bombeiros tras rematar a súa intervención, indicaron que tiveran que excarcerar á persoa falecida, que era o copiloto do vehículo. O condutor do turismo, o ferido evacuado, foi retirado do interior do turismo polos particulares que se atopaban no punto.