Fase final do proceso participativo para elaborar a nova Estratexia turística 2024-2030

1 minutes read

A Xunta de Galicia entra esta semana no ecuador do proceso participativo co que se está a elaborar a diagnose da futura Estratexia de Turismo de Galicia 2024-2030, que se vén celebrando desde o pasado mes de outubro con diferentes mesas de traballo en distintos concellos galegos.

En colaboración co Clúster Turismo de Galicia, celebráronse xa máis de 10 mesas coa participación de máis de 270 profesionais, axentes públicos e privados do sector. Nelas, estanse a expor a necesidades e retos para os vindeiros anos e recóllese información sobre as distintas perspectivas e desafíos que enfronta o turismo nas diferentes zonas da comunidade galega.

Na programación para os vindeiros días está prevista a celebración en Porto do Son, para a ría de Muros-Noia e o Barbanza; en Pontevedra, para a Terras de Pontevedra e O Morrazo; en Vigo, para a Ría de Vigo e Baixo Miño; en Abegondo, para as Mariñas Coruñesas; A Rúa, para Trevinca e Valdeorras; Monterrei para a área de Verín e Monterrei, Allariz, para a área de Allariz, Maceda e A Limia. O proceso de mesas de traballo rematará en Santiago de Compostela o 1 de decembro.