Feijóo anuncia un Plan de rescate dotado con máis de 70 millóns de euros


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou un Plan de rescate, dotado con máis de 70 millóns de euros, para axudar á actividade económica de máis de 30.000 autónomos e de 10.000 microempresas.

Intervención do presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo.

Durante a clausura da sétima edición da xornada El mundo que viene, organizada por APD, Feijóo trasladou a preocupación polo emprego, “que se está destruíndo de forma masiva”, e incidiu en que agora é cando a sintonía e a cooperación entre a política e a economía debe ser máis fluída que nunca. “Agora a política e a economía deben ir máis da man se cabe, porque de como respondamos a esta emerxencia sanitaria dependerá o mundo que vén”, abundou.

Nesta liña, aseverou que Galicia non vai perder un minuto en prepararse para a reconstrución da nosa economía. Ao respecto, referiuse, a modo de exemplos, á constitución do comité de expertos, á creación dunha comisión interdepartamental; “e o pasado venres, constituímos o primeiro foro no que participaron as 60 empresas de maior facturación en Galicia, para debater sobre os proxectos tractores que imos plantexar no ámbito da transición enerxética, a dixitalización, a industria 4.0 e a modernización dos servizos públicos”, engadiu.