Feijóo avanza que os Orzamentos de 2021 incluirán o maior investimento público da historia

1 minutes read

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que os Orzamentos da Xunta de 2021 incluirán o maior investimento público da historia, que roldará os 2.500 millóns de euros e triplicará a inversión territorializada prevista nos Presupostos Xerais do Estado.

“Este orzamento vai ter o peso máximo de gasto da serie histórica. Imos investir máis de 11.600 millóns de euros e imos facer dúas cousas: controlar o gasto corrente e apostar claramente pola anticipación das inversións”, dixo, subliñando que as contas galegas serán unha inxección para a creación de postos de traballo e para facer inversións que melloren a competitividade dos servizos públicos.

“Serán para finalizar a rede nova de hospitais e centros de saúde, así como a rede de residencias de maiores e todo o que implica a dependencia e os centros de día; para finalizar a dixitalización da ensinanza; e para continuar coas infraestruturas viarias e de abastecemento e saneamento”, precisou.

Feijóo salientou que a Xunta tratou de apoiar desde o primeiro momento da pandemia aos sectores máis afectados, referíndose ao ocio nocturno, que conta con axudas autonómicas para pagar o aluguer e manter o emprego; ás iniciativas para axudar ao sector do comercio, ao turismo e aos servizos a adaptarse ás novas circunstancias; á posta en marcha dun plan de dixitalización para pemes e autónomos; ou ao plan de rescate para autónomos, dotado con 70 millóns.