O presidente da Xunta asegura que aínda que Galicia segue entre as tres comunidades con menor presión hospitalaria cómpre tomar novas medidas axiña para evitar o colapso das UCI. Acto seguido avanzou que a principios da semana que vén haberá máis restricións. Anticipou que afectarán “aínda máis se cabe, á hostalería, á práctica do deporte, e ao illamento municipal nos concellos”. Aínda que como veu ocorrendo nas pasadas semanas, a decisión vaise tomar despois de escoitar ao comité clínico que asesora á administración galega, Feijóo deu por feito que o seu Goberno decidirá implantar esas medidas “nos primeiros días da semana próxima”. Preguntouse: “Que máis ten que pasar para dicirlles aos cidadáns que despois de traballar hai que ir para a casa?”. “Senón imos poñer en cuestión a propia capacidade de seguir traballando, de seguir impartindo docencia e imos colapsar os centros sanitarios”, concluíu.
24