Feijóo avanzou un investimento de 40 millóns de euros para o saneamento das rías galegas


Unha achega que se sumará aos máis de 1.100 millóns destinados desde 2009 para garantir un servizo de auga e depuración en condicións, avanzar no saneamento integral das rías, así como na mellora da calidade das augas, da que dependen sectores como a pesca, o marisqueo, a acuicultura ou o turismo.

Durante a celebración do X Aniversario do Centro Tecnolóxico da Auga de Galicia (Cetaqua), Feijóo garantiu, deste xeito, o compromiso cunha Galicia verde e azul.

Con este obxectivo, recordou que a Comunidade foi unha das primeiras en poñerse a traballar na loita contra o cambio climático, coa creación da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, a posta en marcha da Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050 e da Estratexia galega de economía circular e coa aprobación da Lei de residuos e solos contaminantes. Todo isto para avanzar cara a un dobre obxectivo: facer de Galicia un referente do cambio cara a un modelo económico baixo en emisións e acadar canto antes a chamada neutralidade climática.