O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou o investimento de 8,7 millóns de euros en equipamento no Hospital Clínico Universitario de Santiago como exemplo da aposta continua pola modernización tecnolóxica dos hospitais galegos. Unha modernización que aumenta as posibilidades asistenciais, incrementa a capacidade clínica do CHUS e consolida o seu papel referencial na rede hospitalaria de Galicia e de España.
Durante unha visita a este hospital, Feijóo coñeceu os novos equipos da Unidade de Imaxe Cardíaca do CHUS cos que se farán estudos máis exhaustivos do corazón e dos grandes vasos sanguíneos. Así, por exemplo, o TAC volumétrico permite realizar estudos das arterias coronarias cun só latido, diminúe a radiación e permite o seu uso en pacientes complexos; e a Resonancia Signa facilita a realización de estudos nun espazo máis amplo para o doente, diminuíndo o número de probas suspendidas por claustrofobia e evitando, no seu caso, a sedación.
Entre outros Instrumentos que inciden directamente na calidade de vida do paciente e cos que conta este complexo sanitario atópase, tamén, o Equipo de Ultrasóns de Frecuencia Focalizado (HIFU) guiado por resonancia magnética. Un equipo que supón un enorme salto adiante no tratamento do tremor esencial e do parkinson -dúas doenzas neurolóxicas moi frecuentes que afectan en conxunto a 39.000 galegos-, xa que cunha sesión de non máis de 45 minutos, o paciente pode ver mellorado o seu tremor en máis dun 80% cunha eficacia no tratamento de 5 anos.