Feijóo non apoia o plan de «desescalada» do Goberno

2 minutes read
  • Incide en que o plan “ten serias lagoas de eficacia e utilidade” e “non foi negociado” coas comunidades

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pediulle este mércores ao Goberno de España que non faga “oídos xordos” ás comunidades autónomas para, de xeito coordinado e consensuado, definir a mellor reactivación social e económica.

Durante a rolda de prensa para avaliar o plan de desescalada anunciado polo Executivo central, Feijóo incidiu en que as comunidades son colaboradores necesarios e imprescindibles para poder acertar ante a situación máis complexa que se recorda.

“Estamos a falar dun plan que non foi negociado, nin moito menos consensuado coas comunidades. Un plan que non foi presentado en ningunha das conferencias de presidentes celebradas e que, desde logo, Galicia non pode avalar porque ten serias lagoas de eficacia e utilidade”, insistiu, avogando por que o documento presentado polo Executivo sexa un punto de partida no que poder avanzar e aprobar un plan definitivo na vindeira conferencia de presidentes, o próximo domingo.

Sen tratamento específico para o rural e cunha mobilidade provincial
Ao longo da súa intervención, Feijóo sinalou que bota en falta un tratamento específico para o rural, pois considera que o plan está pensado en realidades urbanas.

O presidente lembrou que 270.000 galegos residen en municipios que son limítrofes das provincias galegas, “polo que a clave non é unha delimitación administrativa de 1833, senón se os municipios limítrofes teñen a mesma situación epidemiolóxica”, aseverou, sostendo que se nas catro provincias galegas a situación epidemiolóxica é igual, o lóxico é que poida haber movementos entre elas, sen necesidade de esperar ata o 22 de xuño como mínimo.

Así mesmo, destacou a indefinición que existe dos criterios de reapertura en distintos sectores económicos como, por exemplo, no comercio, na actividade pesqueira ou na restauración; e resaltou a necesidade de despexar as incógnitas sobre a duración do estado de alarma, xa que dificilmente se pode falar de pasar á nova normalidade se temos unha situación excepcional. “Non podemos manter sine die un mecanismo tan excepcional na democracia”, recalcou.