O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pedirá na Conferencia de Presidentes a descentralización dunha parte dos fondos Next Generation para que o Goberno central comparta coas autonomías a responsabilidade da recuperación. Así o puxo de manifesto durante a celebración da gala do 5º aniversario do Foro Empresa Pontevedra.
Expuxo novamente a falta de axilidade no reparto, que fai que máis da metade dos fondos non se traduciran aínda en convocatorias; ademais de lamentar que do total dos fondos que Europa destina a España, o Goberno resérvase 7 de cada 10 euros, “e a totalidade dos relativos á industria”.
Nesta liña, remarcou que, pola súa banda, Galicia fixo os deberes e cumpriu en todo momento, cunha candidatura sólida, construída cos sectores estratéxicos da Comunidade: automoción -co proxecto AutoÁncora-; biotecnoloxía e saúde personalizada -crear unha nova fábrica de vacinas ou a consolidación da incubadora de novos fármacos-; agroalimentario -con proxectos como o de Anfaco-Cecopesca-; economía circular -cun centro de transformación de xurros en fertilizantes e biogás-; e forestal -cunha fábrica de fibras téxtiles-.