Feijóo pide apoio a Ribera para que Alcoa retome a produción de aluminio en Cervo

1 minutes read

O presidente da Xunta trasladoulle á ministra para a Transición Ecolóxica a súa «preocupación» polo futuro de Alcoa en San Cibrao. «Cremos que o apagado das cubas é unha decisión de enorme risco industrial para España», afirmou Alberto Núñez Feijóo en rolda de prensa tras a reunión que mantivo en Santiago con Teresa Ribera.

O presidente galego aludiu á tensión que os elevados prezos da enerxía supoñen para a industria electrointensiva en Galicia –con representantes como Alcoa, Ferroatlántica ou Megasa–. No caso da planta de Cervo, avisou do risco de que España «quede sen produción de aluminio primario» e de que Galicia perda, de paso, unha das súas industrias máis relevantes. É por iso que incidiu na necesidade de «activar as cubas sen esperar a 2024», en alusión á decisión da multinacional de Pittsburgh de hibernar a produción de aluminio durante os próximos dous anos, co compromiso de retomala en xaneiro de 2024, cando o grupo espera contar con contratos bilaterais (PPA) de subministración eléctrica que viabilicen a actividade.

Alberto Núñez Feijóo, trasladoulle ademais a oportunidade que a fábrica de fibras téxtiles e o centro de economía circular, que optan aos fondos europeos Next Generation, supoñen para afrontar a transición enerxética en España.

Por último, e sobre as axudas a proxectos localizados dentro das zonas de transición xusta -5 na zona de Cerceda e 14 na das Pontes-, o presidente da Xunta instou o Goberno a permitir que as comunidades participen no deseño das iniciativas, co obxectivo de garantir a maior eficiencia no emprego dos fondos públicos.