Feijóo reedita o compromiso da Xunta co sector marisqueiro


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reeditou o compromiso do Goberno galego co sector marisqueiro, un sector estratéxico para Galicia, que, a pesar da pandemia, facturou un 10% máis con respecto á media acadada neste mesmo bimestre durante os últimos 10 anos. “Estamos, polo tanto, reactivando o sector”, dixo, recordando que o marisqueo en Galicia xera uns 8.000 empregos e factura case 90 millóns de euros.

Durante unha visita á lonxa de Noia, con motivo do inicio da campaña marisqueira 2020/2021, Feijóo resaltou, a modo de exemplo, as cifras da campaña 2019/2020 en Noia que se sitúa como a segunda mellor de toda a serie histórica en termos de descargas e a mellor en termos de facturación dos últimos 10 anos.

Declaracións do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Logo de que o Goberno central incluíse o marisqueo entre as actividades esenciais durante o primeiro mes do estado de alarma, sufrindo caídas de vendas nos produtos de ata un 96% -ao pechar a hostalería-, o responsable do Goberno galego subliñou o compromiso da Administración autonómica co sector desde distintos eidos: achegando recomendacións para as persoas vulnerables, facendo un seguimento continuado dos prezos e da actividade; solicitando ao Ministerio que reconsiderase a decisión de que o marisqueo fose un sector esencial ou repartindo 50.000 unidades de protección e máscaras para uso dos profesionais.

Feijóo concluíu destacando ademais as obras de humanización do bordo portuario de Porto do Son, co obxectivo de abrir o municipio ao mar, creando amplas zonas para o disfrute da veciñanza.