O presidente da Xunta esfórzase no primeiro debate parlamentario tras o 28A en esgrimir fortaleza ante a oposición galega, que non explota en exceso o peor resultado electoral da historia do PPdeG. Tras felicitar ao PSOE Feijóo fixo ver a súa propia fortaleza coa súa maioría absoluta fronte a un Goberno central “que necesita pactar”. Ante preguntas sobre a imputación dun cargo pola mina de San Fins, a independencia da CRTVG ou a vivenda pública, as respostas de Feijóo foron culpar o bipartito.
As preguntas que lle formularon os tres portavoces da oposición e o seu xeito de pasar por riba dos resultados do domingo non impediron que o propio Feijóo colocase, a continuación da súa felicitación aos socialistas, o seu discurso de oposición ao Goberno de Sánchez. “Espero que a partir de agora haxa un Goberno estable en España e que respecte os intereses lexítimos dos galegos”, dixo, para engadir que “Galicia é e será sempre unha comunidade responsable e leal”.
Un discurso en clave estatal que lanzou desde o Parlamento de Galicia despois de que diversos medios e comentaristas madrileños lle afeasen que non acudise este martes á reunión de Pablo Casado coa dirección do PP tras os malos resultados do domingo por asistir a unha sesión de control na Cámara autonómica fixada desde antes dos comicios.