Durante unha visita á planta de Alcoa San Cibrao xunto á ministra de Industria, Reyes Maroto, Feijóo incidiu na necesidade de coñecer o contido e alcance do estatuto e do que a Xunta aínda non ten borrador, para poder mandar unha mensaxe de tranquilidade aos 2.000 traballadores de Alcoa, á comarca, así como ás empresas hiperelectrointensivas como esta, dixo, subliñando a necesidade de que se inclúa un apartado para as empresas deste tipo.
Nesta liña, recordou que no caso de Alcoa a enerxía supón máis do 40% dos custos totais de produción, unha porcentaxe moi superior ao doutras fábricas en Europa, xa que o prezo do megavatio/hora subiu un 50% nos últimos dous anos. “Hai que polo tanto buscar e atopar a solución necesaria para volver aos custos eléctricos que había antes de 2018, xa que se estabamos no entorno dos 35€/MW, agora estamos nos 50 €/MW”, precisou.