Feiraco celebra o regreso do Dépor a Primeira cunha cisterna tematizada do RC Deportivo

2 minutes read

Coincidindo co ascenso do RC Deportivo a Primeira División, Feiraco puxo en marcha unha acción especial de apoio ao club e á súa afección, coa que mantén un vínculo de máis dunha década. A marca láctea, en colaboración con UCOGA, tematizou unha cisterna de leite galego e cooperativa coa imaxe e as cores do Dépor que percorrerá diariamente os municipios leiteiros da comunidade, levando a imaxe do club herculino por todo o territorio e demostrando o apoio da cooperativa e dos seus socios e socias ao conxunto branquiazul.
Como parte desta iniciativa, a cisterna chegará á Coruña o sábado pola tarde e quedará estacionada na Praza de Portugal, moi preto do estadio de Riazor, durante toda a xornada do domingo, acompañando ao equipo e á afección no último partido de Liga. A súa presenza busca render homenaxe ao deportivismo, reforzar o vínculo entre estas entidades, estreitamente ligadas á identidade galega, e celebrar unha tempada histórica na que o club conseguiu o ansiado regreso á máxima categoría do fútbol español.
Esta acción desenvólvese en colaboración con UCOGA, correduría de seguros cunha ampla experiencia e especialización no sector gandeiro e agroalimentario, ademais de ofrecer servizos xerais de seguros.
UCOGA acaba de inaugurar recentemente unha nova oficina na Coruña, situada na avenida da Habana número 32, a escasos metros do estadio de Riazor. O espazo destaca pola súa ambientación deportivista, con elementos que evocan a historia e a identidade do club, converténdose nun punto de encontro simbólico entre o mundo cooperativo, o sector agroalimentario e a paixón polo Dépor.


Feiraco e Dépor: unha relación que trae éxitos


A relación entre Feiraco e o RC Deportivo está asociada a unha das etapas máis brillantes da historia do club. Durante as tempadas nas que a marca estivo presente na camiseta, o Dépor viviu anos inesquecibles co coñecido «SuperDépor», alcanzando grandes fitos como a conquista da súa histórica Liga (1999-2000), así como títulos de Copa do Rey e destacadas participacións en competicións europeas.
Xogadores como Bebeto, Mauro Silva ou o liderado de Arsenio Iglesias forman parte desta época dourada na que Feiraco acompañou ao equipo. Unha coincidencia que reforza a percepción de que, cando Feiraco está presente, o Dépor compite ao máis alto nivel.
Tras esta etapa, Feiraco regresou na tempada 2024-2025 ao equipamento branquiazul, situándose na parte traseira da camiseta, xusto encima do nome dos xogadores, coincidindo de novo coa consecución de importantes fitos.