Na tarde deste xoves o 112 Galicia era informado dun suceso en Camariñas. Neste caso tratouse dunha muller ferida mentres facía unha ruta por Camelle.
O particular que chamou ao 112 Galicia para pedir axuda, pasados dez minutos das tres da tarde, indicou que estaban facendo unha ruta e que se equivocaran e terminaron nunha zona de rochas, a súa nai metera o pé nun burato e non podía seguir. Aseguraba ademais que ao lugar onde se atopaban non era accesible para que chegase o vehículo sanitario.
Desde o 112 Galicia, ademais de pasar aviso ao persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, puxo os feitos en coñecemento dos Bombeiros de Cee, da Garda Civil e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.
Con todo, os Bombeiros de Cee coa axuda dunha padiola rescataron á muller ferida e levárona ata onde a esperaba unha ambulancia para ser derivada ao Hospital de Cee.