Feridos dous participantes no Rally da Mariña | O dumbriés Victor Senra faise de novo co campionato galego

1 minutes read

Dúas persoas resultaron feridas minutos antes das seis da tarde deste sábado durante a celebración do Rally da Mariña, no Vicedo. Eran o piloto Adrián Díaz e a copilota Andrea Lamas, os ocupantes dun dos vehículos da competición, que se saíu da vía e bateu contra unhas árbores na LUP-6402, ao paso por Negradas.

Como consecuencia do golpe, a copiloto quedou atrapada no interior do coche, polo que foi necesaria a intervención dos Bombeiros de Viveiro. Así, tras recibir o 112 Galicia a chamada de alerta dos membros da organización do evento, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activou un operativo, no que, ademais dos efectivos do parque comarcal, interviñeron os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Con todo, a copiloto, unha vez estabilizada, foi evacuada ao Hospital de Burela polos equipos sanitarios asociados a esta proba deportiva. 

En canto ao piloto, recibiu asistencia no mesmo lugar do sinistro sen a necesidade de acudir ao centro hospitalario. De mesmo xeito, cómpre indicar que os Bombeiros de Viveiro colaboraron en todo momento cos equipos de emerxencias vinculados a este evento, que xa estaban actuando para sacar á copiloto do vehículo sinistrado. A ferida presentaba dor nas costas e no tórax. 

O gran vencedor da xeral foi o piloto de Dumbría Victor Senra, que adosa ao seu palmarés un novo campionato galego de ralis.