‘Fillos do océano’, no centro sociocomunitario de Caión ata o 30 de outubro

1 minutes read
  • Foi inaugurada na mañá deste venres polo alcalde da Laracha e o director da oficina de ABANCA da vila

Este venres tivo lugar a inauguración no centro sociocomunitario de Caión da exposición Fillos do océano, unha síntese das mellores imaxes que o fotógrafo Javier Teniente tomou durante varios anos nunha viaxe por comunidades pesqueiras tradicionais de todo o mundo. A mostra poderá visitarse ata o 30 de outubro en horario de 17:00 a 20:00 h de luns a venres e de 10:00 a 13:00 h os sábados.

Esta iniciativa é posible grazas á colaboración entre o Concello da Laracha, ABANCA e Afundación. Na apertura da mostra estiveron o propio alcalde, José Manuel López Varela, e o director da oficina ABANCA local, Juan Manuel Pazos Álvarez.

Javier Teniente iniciou o seu traballo profesional nos diarios Faro de Vigo e Atlántico Diario, nos que realizou o seu labor como fotógrafo de prensa durante varios anos. Na actualidade traballa como fotógrafo independente, representado pola axencia Getty Images. Entre os anos 1998 e 2005 colaborou como fotógrafo coa ONG Médicos del Mundo e cubriu conflitos bélicos e desastres naturais en diferentes lugares como en Centroamérica (Huracán Mitch 1998), Kosovo (1999), Timor (1999), Iraq (2003), Haití (2004) ou o tsunami en Banda Aceh, Indonesia (xaneiro de 2005). Gañou en dúas ocasións o prestixioso Premio Internacional Luis Valtueña de Fotografía Humanitaria (2003 y 2005), ademais de recibir o Premio Galicia de Comunicación (2004) e unha mención especial nos Premios Ortega y Gasset de Periodismo (2006).