A Federación Galega de Empresarios de Ambulancias asegura nun comunicado que “tras máis de sete horas de negociación acordouse un documento” cos sindicatos. O preacordo de convenio colectivo 2016/2022 asinado queda agora pendente da súa ratificación nas asembleas de traballadores. O documento recolle, segundo engade a patronal, os seguintes acordos:
• Incremento salarial do 4% a partir do 1 de novembro de 2019.
• Aumento doutro 3% a partir do 1 de novembro de 2020.
• Incremento do 2,5% o 1 de xaneiro de 2021.
• Incremento doutro 3% a partir do 1 de xaneiro de 2022.
• Pago de regularización en 2020. Os traballadores percibirán coa nómina de novembro de 2020 un pago único por importe de 500 euros brutos, non consolidables.
• Terceira paga extra, de idéntico importe que as dúas pagas extraordinarias actualmente existentes, que será abonada por primeira vez en marzo do ano 2021.
• Os traballadores percibirán o mesmo salario en vacacións que o resto do ano. É dicir, que a nómina que perciban estando de vacacións recollerá os complementos que cobran os 11 meses restantes. Así mesmo, puxéronse sobre a mesa outras melloras sociais.
• Contratos en prácticas. Empresarios e traballadores comprométense a acordar un salario superior ao fixado no artigo 11.1 do Estatuto dos Traballadores e unha porcentaxe destes contratos transformarase en indefinidos.
“Unha vez que este preacordo fose ratificado nas diferentes asembleas de traballadores, empresarios e representantes sindicais sentarán de novo o día 25 de marzo para asinar o texto íntegro do Convenio Colectivo sobre o transporte sanitario na comunidade autónoma de Galicia”, conclúe o comunicado da Federación Galega de Empresarios de Ambulancias.