Este luns tivo lugar no Pazo da Cultura de Carballo o espectáculo Pirolíticos, de Mofa e Befa e coproducido polo FIOT. Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo volven ao festival cunha divertida comedia que non perde a esencia do seu dúo artístico. Iso si, unha temática moi diferente: o feminismo e o impacto do patriarcado.
«O espectáculo está feito con forza e coa crenza de que o feminismo levará o mundo a ser mellor para mulleres e homes”, afirmou Evaristo Calvo na presentación, na que estivo acompañado polo concelleiro de Cultura, Marcos Trigo; o presidente da asociación cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro, e o director da Agadic, Jacobo Sutil. E tamén por Clara Gayo, directora e coautora do texto xunto a María Lado e Lucía Aldao, quen destacou que «foi un reto escribir sobre feminismo para dous homes. E tamén que a peza non perdera o espírito Mofa e Befa».