Catro persoas e tres empresas serán xulgadas a próxima semana en Vigo pola Audiencia Provincial por un delito de tráfico ilegal de substancia destrutora do ozono tras subministrar a varios barcos un gas refrixerante prohibido. A Fiscalía pide para cada unha das persoas dous anos e tres meses de cadea e tanto para elas como para as tres empresas implicadas multas que suman un total superior aos 400.000 euros. O gas ía destinado a refrixeración e plantas de frío de diversos barcos.
Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, “ao longo de varios anos, pero polo menos desde 2010” e ata cando menos 2014 unha empresa familiar domiciliada en Vigo da que non se facilita o nome e dedicada ao comercio de gases industriais vendeu clorodifluorometano (HCFC22), “coñecido comercialmente como gas R-22” a “diversas entidades domiciliadas en países pertencentes á Unión Europea, maioritariamente en España, especialmente para refrixeración e plantas de frío dos seus buques, a sabendas de que non podía facelo por estar prohibido, xa que dito gas é unha das substancias que esgotan a capa de ozono”.
A produción, importación e exportación do gas en cuestión está regulada na UE desde o 1 de xaneiro de 2010, cunha excepción que permitía a súa importación, reenvasado e reexportación, ou a súa rexeneración, só a determinadas empresas autorizadas pola Comisión Europea. A principal empresa implicada no caso tivo a primeira autorización ata 2012, pero non podía vender o gas en territorio comunitario nin tampouco rexeneralo.