FITUR | 77.000 visitantes achegáronse ao stand de Galicia

1 minutes read

Galicia volveu cumprir obxectivos durante a súa participación na 40ª edición de Fitur, a Feira Internacional do Turismo que rematou este domingo en Madrid despois de cinco días de intensa actividade profesional e institucional na que estiveron representadas as provincias, cidades e xeodestinos da Comunidade.

O renovado expositor galego sumou máis de 77.000 visitas e conseguiu consolidar o atractivo da sólida oferta turística galega grazas a unha proposta que se reforzou con experiencias ao redor da promoción da España Verde, o patrimonio sobranceiro, os Camiños de Santiago e, especialmente, o Xacobeo 2021. O fito chamado a ser o acontecemento cultural máis importante o vindeiro ano colleu impulso nos últimos días a través da colaboración público-privada. En concreto, a Xunta selou nunha semana catro novos acordos con Vegalsa-Eroski, Husqvarna, Iberia e Alsa, cos que xa se superan os 9 millóns de compromisos empresariais, que inclúen ademais abondosas accións divulgativas e promocionais vinculadas co vindeiro Ano Santo.

O expositor de Galicia acolleu máis de 40 presentacións e contou máis de 16 espazos divulgativos nos que estiveron representados os principais elementos que caracterizan á Comunidade como destino. Dispúxose de áreas dedicadas ás catro provincias, ás sete cidades e a distintos xeodestinos. Do mesmo modo, tiveron unha presenza destacada as candidaturas a Patrimonio Mundial, así como outros elementos singulares do turismo galego como o Entroido, o turismo rural, o turismo activo ou deportes como o surf e o mergullo. En resumo, o stand de Galicia en Fitur foi un escaparate dun modelo turístico propio, sustentable e baseado na calidade.