Unha folga xeral en toda a Atención Primaria de Galicia entre o 9 e o 11 de Abril. Esa será a nova protesta que afrontará a sanidade galega, sumida desde hai meses en mobilizacións, folgas e conflitos pola “deterioración” sanitaria e polo rexeitamento masivo dos colectivos profesionais ao novo modelo proposto para ese ámbito asistencial polo Sergas.
Foi o pasado martes cando o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, advertiu mesmo de que habería axiña un acordo para esa nova proposta que sería destadada polos medios. Díxoo un día despois de que a Coordinadora Galega de Atención Primaria (CGAP), que di representar un milleiro de profesionais e varios colectivos, acordase a proposta desa folga xeral para os días 9, 10 e 11 de abril. Sería o primeiro paro xeral neste ámbito asistencial en Galicia.
“A folga está en marcha e vai adiante”, explica Xosé María Dios, un dos voceiros da CGAP, que advirte de estaren xa “desbordados” polo apoio a esta medida expresada por moitos profesionais sanitarios. Será agora cando representantes da Coordinadora se reunan cos principais sindicatos para avaliar a posibilidade de que se unan á convocatoria e mesmo a leven a cabo oficialmente, ademais de con colexios médicos e sociedades científicas.