Este luns coñecíase a triste nova do falecemento de José Manuel Sánchez Fernández aos 60 anos de idade. Era unha persoa moi coñecida en toda a comarca, os seus proxenitores tiveron ata a xubilación o restaurante Casa Sánchez, ubicado no lugar de Silván, parroquia de Erbecedo, no termo municipal de Coristanco.
José Manuel era funcionario no Concello da Laracha desde fai varios anos. Tal e como explican nun comunicado desde o propio Concello: «unha persoa moi querida e respetada por todas e todos os que tivemos a sorte de compartir con el o día a día. Un exemplo de profesionalidade, compromiso e calidade humana, deixando unha fonda pegada tanto polo seu labor como no trato cos compañeiros e coa veciñanza. O seu carácter afable e a súa disposición permanente para o traballo fan que a súa perda sexa especialmente dolorosa. O Concello da Laracha transmite o máis sentido pésame á súa familia e amizades, acompañándoos nestes momentos de dor».
A capela ardente está instalada no Tanatorio de Coristanco (sala 3). A condución do cadáver terá lugar este martes, día 27, ás 16:45 horas. O funeral de corpo presente celebrarase na igrexa parroquial do Divino Salvador de Erbecedo, con sepelio a continuación.