Formadas 14 persoas en teleasistencia nunha nova edición do PIE na Laracha

Continuando co desenvolvemento do Programa Integrado de Emprego (PIE) da Laracha, rematou a formación especializada en teleasistencia. Participaron catorce persoas, que ampliaron o seu currículo e, por tanto, as oportunidades de inserción no mercado laboral nun sector en crecemento e con alta demanda social. O alumnado terán a oportunidade de realizar prácticas non laborais en empresas dedicadas á prestación dese servizo para facilitarlles a adquisición de experiencia real.

Paralelamente, están en marcha os talleres de emprendemento, nos que se ofrece formación práctica e asesoramento para impulsar ideas innovadoras e proxectos empresariais. Na súa organización colabora activamente o Polo de Emprendemento de Coristanco achegando recursos e experiencia para apoiar a creación e consolidación de novas iniciativas.

Esta semana tamén comeza o último itinerario de formación, que estará centrado no manexo de follas de cálculo e de bases de datos. Complementarase con outra formación relacionada coa administración que se realizará no mes de setembro.

Ademais, de xeito continuado desde o servizo de orientación laboral do Programa Integrado de Emprego lévase a cabo un labor de prospección laboral, achegándose tanto ao tecido empresarial da comarca como xestionando ofertas de emprego remitidas por empresas que procuran persoal capacitado.

O Concello da Laracha, co apoio da Xunta de Galicia e do Servizo Público de Emprego Estatal, continúa apostando polo desenvolvemento de políticas activas de emprego poñendo en marcha iniciativas dirixidas a mellorar a formación das persoas que se atopan en situación de desemprego coa finalidade de aumentar as súas opcións de inserción no mercado laboral e promover o espírito emprendedor.

Related posts

Unha muller tivo que ser evacuada en ambulancia tras tropezar nun buraco e caer na rúa Gran Vía de Carballo

Rebenta unha antiga balsa no Monte Neme e arrasa a estrada que une Leiloio con Razo

O alcalde de Laxe analiza coa Xunta a posta en valor dos recursos turísticos da vila