O secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, afirmou que a resposta que está a ofrecer a Xunta ante o escenario de “shock” e de “colapso” que atravesa a sanidade galega é errónea. Por iso, co obxectivo de “construír e achegar solucións” para resolver esta situación, o PSdeG constituíu un grupo de expertos e expertas que lle trasladará as súas propostas á Xunta, ao Parlamento e ao conxunto da sociedade galega.
Como mostra dos erros do goberno galego, Formoso lembrou que a Xunta recortou nun 1,9 por cento o orzamento en atención primaria para este exercicio, mentres que o resto de comunidades autónomas o incrementaron, de media, nun 11 por cento. A isto sumoulle a perda de 976 profesionais médicos e sanitarios no sistema galego dende o ano 2009.
Neste contexto, lamentou que a única resposta da Xunta sexan medidas como incentivar aos facultativos economicamente cunha pequena cantidade. “Iso”, advertiu, “non é o que piden, cando tanto médicos e médicas como enfermeiras e enfermeiros están sobrecargados de traballo”.
Por iso alertou de que a resposta ten que ser “máis ambiciosa”: as solucións pasan por incrementar o orzamento da Xunta en atención primaria para igualalo coa media do resto das comunidades e por activar medidas que permitan “reverter o entorno desmotivador para os profesionais sanitarios” e facer que “a estabilidade laboral sexa unha bandeira”.
Todo isto, remarcou Formoso, “redundará finalmente nunha mellor calidade asistencial para os e as doentes de Galicia”, que hoxe están a ver as dificultades para recibir atención presencial ou obter unha cita nun tempo razoable de 48 horas en atención primaria. Tamén lamentou que haxa que agardar ata máis de 10 meses por un diagnóstico especializado ou que haxa servizos de urxencias en hospitais que tardan ata 48 horas en asignar unha habitación tras un ingreso.
Nesta liña, reiterou “a capacidade e a disposición e o compromiso de país” do PSdeG para “sentarnos de novo co presidente da Xunta e cos colectivos sanitarios para priorizar as partidas e atender o que din os que máis saben de cales son as carencias do sistema sanitario en Galicia, que son os propios profesionais”. Incidiu ademais en que non se descartan medidas de presión pois “cando tantos pacientes quedan fóra do sistema estamos dispostos a facer calquera cousa”, concluíu.