O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, recoñeceu o traballo “inesgotable e imprescindible” do persoal sanitario como principal conclusión do ano que remata. Así o dixo nun vídeo subido ás redes sociais dos socialistas galegos no que fixa a recuperación económica e a defensa dos servizos públicos como obxectivos para o próximo ano. Na súa mensaxe de Fin de Ano, apuntou á campaña da vacinación como un “fito histórico” que permitiu “abrir ringleiras de esperanza para protexernos e para protexer aos nosos seres queridos”. Unha oportunidade na que “contamos co traballo inesgotable do persoal sanitario, que volveu amosarnos que o merecen todo, que necesitan que se lles valore como o que son: imprescindibles”.