O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, presentou unha Proposición de Lei para regular o xogo en Galicia que os socialistas veñen de rexistrar no Parlamento galego para actualizar aos novos tempos a Lei do Xogo de Galicia, que data de 1985. Os socialistas urxen á Xunta a tomar esta iniciativa “co rigor que se merece” e permitir “erradicar as casas de apostas do ámbito dos colexios”. Chamou así ás forzas parlamentarias a “enriquecer o texto”, que xa incorpora as aportacións dos colectivos afectados, de asociacións que velan pola prevención da enfermidade do xogo, do coidado das persoas adictas ou dos traballadores e traballadoras sociais do país. O resultado é un texto “rico, moderno, dinámico, que pon no seu sitio á especulación no xogo e os riscos que non pode asumir sobre todo a xuventude”, concluíu.