Frades reúnese co Conselleiro de Medio Rural e Agader

1 minutes read

O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez e o tenente de alcalde, Manuel Ferreiro Marzoa, reuníronse co conselleiro do Medio Rural, José González e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, para tratar varios temas moi interesantes para o presente e futuro das explotacións gandeiras e do sector forestal do Concello. De feito acadouse un compromiso de avaliación do estado de dúas pontes e en caso de necesitalo o seu posterior acondicionamento. As pontes son a que une o Concello de Frades co de Ordes e a outra co de Boimorto.

O alcalde de Frades, agradeceu ao conselleiro do Medio Rural as axudas destinadas á mellora de infraestruturas rurais que dende o ano 2016 aportaron ao Concello de Frades máis de 460.00 euros no Plan Marco de Mellora de Camiños Rurais. O seu obxectivo a cohesión territorial e social dos núcleos rurais, mellorando desta forma a calidade de vida e traballo no medio rural, así como a accesibilidade e a vertebración do territorio. Precisamente, na convocatoria deste ano 2023-2024 foille concedida unha achega de case 62.400 euros para o arranxo do camiño que une Tañoi coa Cruz do Canedo (Abellá), entre outros.

Con respecto a este tema das infraestruturas, os representantes de Frades propuxéronlle ao conselleiro do Medio Rural a creación dun Plan de arranxo de Pistas de accesos a monte e parcelas agrícolas. Frades é un Concello concentrado ao 100% cunha rede viaria moi extensa e cunha circulación de maquinaria agrícola moi pesada que fan necesarias medidas que faciliten unha economía eficiente e a fixación de poboación no rural.