Galardoados os gañadores do certame de declaracións de amor en galego

1 minutes read

A Xunta de Galicia fixo entrega dos premios aos gañadores do certame Lingua de Namorar. Os seis autores das mellores mensaxes de declaracións de amor en galego na rede recibiron hoxe o seu premio logo de que o pasado maio o xurado ditaminara os gañadores. Con este certame o Goberno galego procura dinamizar o uso do galego entre a mocidade nas súas relacións persoais e en internet.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, xunto co Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, entregaron aos galardoados o seu premio nun acto que tivo lugar no Pazo de San Roque.

Deste xeito, Cristina Pichel deu as grazas a todos os participantes a este concurso e felicitou aos gañadores pola calidade das mensaxes presentades. Ademais, destacou que este é un concurso que gusta moito entre a xuventude xa que promove a súa creatividade e impulsa o seu talento literario.

Pola súa banda, Valentín García sinalou a importancia deste certame para promover o uso da lingua galega entre os máis novos, o que supón un impulso para que comuniquen e expresen os seus pensamentos e sentimentos no noso idioma propio.

Na primeira categoría de idade (categoría A, de 14 a 19 anos) foron galardoados os traballos Retórica (1º premio, co que Nee Barros, de Marín, Pontevedra acumula xa catro distincións consecutivas neste concurso desde 2017), Primavera (2º premio, para Ana Loureiro, de Caldas de Reis, Pontevedra) e Ao altar (3º premio, para María Femenías, de Foz, Lugo).

Na categoría B (de 20 a 35 anos), recaeron en Ataraxia (1º premio, para Leticia Cid, de San Cibrao das Viñas, Ourense), Un vinilo dos Dire Straits (2 premio, para Denís Vicente, da Guarda, Pontevedra) e Fuxitivas (3º premio, para Silvia Pérez, tamén da Guarda, Pontevedra).