Galicia acolle a próxima semana unha xornada de alto nivel sobre a política pesqueira común

1 minutes read

Os próximos luns e martes terán lugar unhas xornadas en colaboración coa Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM) nas que se abordará o futuro da pesca facendo un balance da aplicación nos últimos anos da política pesqueira común (PPC) e realizando propostas para mellorar a súa eficacia nos vindeiros exercicios adaptándoa ás necesidades do sector. Con ese obxectivo, contará coa participación de representantes de distintas institucións nacionais e europeas así como das principais rexións pesqueiras da Unión Europea e do propio sector marítimo-pesqueiro.

O evento Que futuro queremos para o sector pesqueiro da UE? Balance da aplicación e propostas de futuro para a política pesqueira común desde as rexións costeiras da UE combinará o formato presencial co online e celebrarase no Pazo de Congresos e Exposicións (Palexco) da Coruña. A inauguración será o luns pola tarde e nela participarán a conselleira do Mar, Rosa Quintana, o vicegobernador de Creta e vicepresidente da CRPM para Asuntos Marítimos, George Alexakis, e as súas intervencións serán moderadas polo director da CRPM para Asuntos Marítimos e Clima, Giuseppe Sciacca.