Na actualidade todas as aulas públicas desde 5º de Primaria ata Bacharelato contan con encerado dixital interactivo, que levan consigo tamén un ordenador e un proxector. As novas pantallas interactivas non precisan deste equipamento complementario, polo que supoñen un avance. Para 2024 está previsto completar o proceso, de tal forma que todas as aulas de centros públicos desde 2º ciclo de Infantil ata 2º de Bacharelato conten con este tipo de dispositivos.
Os conselleiros de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, visitaron o colexio CEIP Fontiñas. Trátase dun dos centros dotados con pantallas interactivas ao abeiro do Plan de Infraestruturas Dixitais Educativas que está a desenvolver a Xunta cun investimento de 134,6M€, e no marco do que se están a instalar máis de 9.000 paneis. O obxectivo desta nova dotación é seguir avanzando na dixitalización das aulas galegas das etapas de Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato. Ademais, como novidade, instalaranse estes dispositivos en centros que imparten ensinanzas de réxime especial.