Galicia avoga por unha alianza con rexións europeas para defender á frota ante o veto á pesca de fondo

Cedida

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu a importancia da unidade entre rexións pesqueiras europeas para defender á frota ante o veto da Comisión Europea á pesca de fondo. Nesta liña, incidiu na necesidade de que o Goberno central, como Estado membro, siga traballando na vía do recurso e pediu celeridade neste labor. Ademais, engadiu, Galicia considera fundamental insistir na suspensión temporal da medida e avanzar tamén nas xestións políticas co obxectivo de acadar unha moratoria.

Isto, explicou, permitiría gañar tempo para presentar todos os informes técnicos e científicos necesarios e dos que carece esta decisión unilateral da Comisión Europea, así como salvar unha campaña tan importante como é o Nadal para o sector pesqueiro. Así o expuxo na reunión do grupo de traballo de pesca da Conferencia das Rexións Periféricas Marítimas (CRPM), onde estivo acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta.

En relación ao anuncio do Goberno central de que Bruxelas deixará sen efecto o veto en 41 das 87 áreas, apelou á cautela pois o Executivo estatal aínda non trasladou oficialmente a Galicia esa suposta decisión. Neste sentido, a Xunta considera que debe materializarse nalgún texto legal ou documento pois o regulamento recolle claramente que a prohibición afecta ás 87 zonas recollidas no seu anexo. Ademais ve primordial aportar seguridade xurídica ao sector e garantías ante a incerteza da frota en relación ás zonas nas que pode realizar a súa actividade e de que xeito.  

De confirmarse isto, subliñou Rosa Quintana, sería unha noticia relativamente positiva, pero non a solución ao problema, xa que Galicia cuestiona todo o regulamento.