Galicia participa na principal feira da industria dos drons a nivel internacional, a Xponential 2019, en Chicago (Estados Unidos), na que a Civil UAVs Initiative, a iniciativa para crear un polo de referencia internacional no ámbito aeroespacial en Galicia, conta cun espazo de seu dentro do pavillón do ICEX. A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain) da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Patricia Argerey, foi a encargada de presentar o polo aeroespacial de Galicia ante expertos de todo o mundo.
Adicionalmente, a delegación galega, formada por unhas 30 persoas, visitará stands de empresas e países como China, Francia ou Dinamarca. As entidades que asisten á Xponential 2019 son as multinacionais Indra, Babcock e Boeing -socias da Xunta de Galicia na Civil UAVs Initiative (CUI)-, as empresas galegas Marine Instruments, CERES Gestión Sectorial, Cartogalicia, Proyestegal, Análisis y soluciones de ingeniería, Aerolugo, CINFO, CENTUM Research&Technology, Soluciones y sistemas de información (SIXTEMA) e os centros tecnolóxicos Gradiant e ITG.
A feira XPONENTIAL 2019 constitúe o principal punto de encontro a nivel internacional para o sector dos sistemas non tripulados aéreos, terrestres e marítimos. Está organizada pola Asociación para Sistemas Non Tripulados Internacional (AUVSI, nas súas siglas en inglés) e chega este ano á súa 47 edición. Na pasada edición, visitaron o evento 8.500 persoas e contou con máis de 700 expositores.
