Galicia contará con sete novos viveiros industriais

1 minutes read

En concreto, contruiranse novos viveiros en Cospeito -que tamén recibiu axudas para a mellora do parque empresarial-, Bóveda e Baleira (Lugo), así como na Veiga e no Carballiño (Ourense). Tamén en Val do Dubra (A Coruña) -ao que se lle concedeu ademais apoio na orde de parques empresariais- e Dozón (Pontevedra).

Cospeito contará cun viveiro de empresas cunha superficie de 877,44 m2 que englobará tanto o uso administrativo -cun bloque de oficinas e zona de reunión-, como o industrial -con tres naves destinadas ao aluguer aos emprendedores interesados-. Recibe 240.000 euros de axudas.

Bóveda obterá 239.999 euros para un viveiro de 661,83 m2 que se dividirá en catro despachos, zonas de servizos comúns e un taller de formación práctica. En canto a Baleira, apoiarase a construción dun edificio de dous pisos de 677,62 m2 cunha planta baixa para iniciativas empresariais e zona de servizos e outra superior destinada a oficinas. Disporá de 240.000 euros de axudas autonómicas.

A Xunta tamén destina 240.000 euros ao Concello da Veiga para a construción dunha nave cunha superficie útil de 505,61 m2 dividida en catro áreas. O Carballiño recibirá un apoio de 239.787,66 euros para a implantación dun viveiro de 351,63m2 dividido en tres naves para iniciativas empresariais e unha parte para servizos comúns.

No Val do Dubra, o proxecto ten por obxecto a construción dunha infraestrutura cunha superficie útil de 390,21 m2, con seis naves contiguas, cinco para as actividades empresariais e outra para servizos comúns. Recibe 240.000 euros de axudas.

Finalmente, Dozón contará con 240.000 euros para unha nave de 459,94 m2 dividida en dúas partes, cada unha para acoller unha iniciativa empresarial con oficina, baños e zona industrial.