O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, vén de anunciar a próxima posta en marcha por parte da Xunta da plataforma Galicia Film Commission como ferramenta dixital ao servizo das empresas e profesionais do audiovisual “para continuar captando rodaxes que xeren riqueza e emprego e que promocionen a industria cultural galega”. Esta nova medida do Hub Audiovisual da Industria Cultural busca consolidar a nosa Comunidade como plató de cinema e televisión e, como sinalou o conselleiro, avanza na decidida aposta do Goberno galego nos últimos anos a prol da recuperación e impulso deste sector.
O titular de Cultura fixo este anuncio na súa visita ao set de rodaxe da segunda temporada de Operación Marea Negra na Fábrica de Armas da Coruña. A segunda temporada desta serie de Ficción Producciones para Prime Video conta cunha subvención de 350.000 euros a través da segunda quenda do fondo para a atracción de rodaxes, outra das iniciativas do Hub Audiovisual encamiñadas a converter Galicia nun escenario habitual de producións cinematográficas e televisivas.
A Galicia Film Commission, cuxo desenvolvemento e mantemento se atopa en fase de licitación por un importe de case 400.000 euros, porá en valor toda a cadea da industria audiovisual galega con novas ferramentas e utilidades para que os profesionais deste ámbito poidan ofrecer os seus servizos e atopar os recursos que precisan. Ao tempo, facilitarase o intercambio e o traballo conxunto entre o sector público e o privado, e lograrase unha maior proxección exterior da imaxe de Galicia e do noso audiovisual.