Galicia defendeu en Bruxelas a súa postura sobre a futura política pesqueira común

1 minutes read

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, asistiu ao foro da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea (DG MARE) Balance da Política Pesqueira Común da Unión EuropeaSeguir avanzando na pesca sustentable cara unha contorna competitiva e resiliente. Esta cita constitúe o paso máis importante do debate na folla de ruta que pode levar á revisión da PPC por parte da Comisión Europea e na que Galicia quixo estar presente ante a necesidade de que se teñan en conta as singularidades das distintas comunidades pesqueiras como quedou recollido no ditame elaborado polo Consello Galego de Pesca que inclúe as suxestións da comunidade neste eido.

Galicia considera que a futura PPC ten que constituírse como unha solución europea e europeísta que reforce a cohesión social e económica, así como reforzar a unidade da Unión Europea en termos pesqueiros, acuícolas e de transformación e comercialización de produtos do mar. Ao mesmo tempo, avoga polo desenvolvemento dun campo de xogo en igualdade de condicións (level playing field), tanto cara ao interior como cara ao exterior da Unión Europea, xerando a maior seguridade xurídica posible.

Outra das cuestións básicas son a revisión do concepto de zona altamente dependente da pesca cara aspectos clave na sociedade actual como a produción de alimentos de calidade. A estes asuntos engadiríanse a necesidade de adoptar medidas de xestión que permitan mellorar a aplicación da obriga de desembarque de capturas e a revisión do criterio de asignación de cotas para adecualo ao patrón de capturas de cada pesqueira.