Galicia e Dinamarca estudan sinerxías entre os seus modelos de valorización de residuos

1 minutes read

Fano a través do intercambio de información e de experiencias a nivel técnico entre o complexo medioambiental de Sogama, en Cerceda, e a planta de CopenHill, en Copenhague, dúas instalacións punteiras e de referencia en toda Europa.

A tal fin, a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Xunta, Sagrario Pérez, e o presidente de Sogama, Javier Domínguez, acompañados por técnicos da empresa pública galega, visitaron in situ as instalacións de CopenHill, unha infraestrutura pública que, ademais de proporcionar luz e calor á poboación mediante a conversión dos residuos non reciclables en enerxía —seguindo o modo de funcionamento de Sogama—, tamén foi concibida como área social e de lecer, contando para isto con pistas de esquí na cuberta, un rocódromo artificial na súa fachada —o máis alto do mundo— e camiños bordeados de árbores.

Este encontro entre responsables da planta danesa e da galega enmárcase na viaxe institucional a Dinamarca que realizou a conselleira en funcións de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, o pasado mes de novembro, e durante a que as autoridades de ambas rexións acordaron manter novos contactos para poñer en común as particularidades de cada modelo de xestión de residuos e estudar posibles sinerxías.