Esta pasada medianoite comezou a carreira electoral para as eleccións ao Parlamento de Galicia que se celebrarán o 12 de xullo. As maquinarias dos diferentes partidos xa están en marcha do mesmo xeito que as caravanas electorais, que deron o pistoletazo de saída na súa maioría na provincia da Coruña.
Partido Popular
O presidente da Xunta e candidato á reelección polo Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, afirmou nas súas primeiras mensaxes de campaña no recinto coruñés de Palexco que o seu obxectivo para revalidar o que sería o seu cuarto mandato á fronte da Xunta, é reafirmar o seu compromiso cos galegos e ofrece «xestión, certezas e propostas».
PSdeG – PSOE
Pola súa banda o candidato do PSdeG – PSOE, Gonzalo Caballero comezou a campaña en Compostela. É a primeira vez que o líder dos socialistas galegos se presenta como candidato a presidir a Xunta. Caballero asegurou nas súas primeiras mensaxes que «a maioría social progresista é a que lle dará a Galicia o cambio que merece». Caballero tamén afirmou que «hai un 80% de galegos que cren que Feijóo gañará as eleccións pero soamente un 34% quere que Feijóo gañe as eleccións».
BNG
A candidata do BNG, Ana Pontón tamén elixiu Santiago para comezar a carreira electoral. Nas súas primeiras palabras de campaña, Pontón asegurou estar disposta a facer historia converténdose na primeira muller en presidir a Xunta e afirmou sentir «boas vibracións».
Galicia en Común
A caravana de Galicia en Común botou a andar en Vigo. O candidato, Antón Gómez-Reino, pediu por primeira vez o voto para a coalición «para darlle a Galicia un xiro de 180 graos».
Marea Galeguista
O candidato de Marea Galeguista, Pancho Casal, tamén iniciou os actos de Campaña en Compostela. Casal é o cabeza de cartel da coalición formada por En Marea, Compromiso por Galicia e o Partido Galeguista, que presentan como eslógan de campaña a palabra «Fagámolo».
Ciudadanos
A candidata laranxa á Xunta, Beatriz Piñeiro, desprazouse ás inmediacións da praia viguesa de Samil, convertida nun autocine, con mensaxes como que «non queremos que Galicia estea varada catro anos máis», que os asistentes seguiron desde o interior dos seus coches.
Vox
O candidato de Vox, Ricardo Morado, estivo presente nun acto en Santiago xunto ao número 2 do partido, Jorge Buxadé e no que estiveron presentes os cabezas de lista polas catro provincias, que repasaron necesidades e vertieron críticas aos gobernos tanto de Galicia como ao de España.