Galicia estará pechada perimetralmente do 23 de decembro ao 6 de xaneiro

1 minutes read

Non será posible entrar agás por motivos xustificados. Ademais, a recomendación do Comité clínico do Sergas é que as reunións familiares se produzan no ámbito dunha “unidade familiar de conviventes”. Así o indicou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na conferencia de prensa para dar conta do plan de Nadal disposto pola Xunta. Entre outras medidas, o conselleiro apuntou que se nalgunha ocasión é preciso incorporar algunha persoa adicional a unidade familiar “a recomendación é que non exceda de dúas unidades familiares, tendo especial consideración con maiores que viven sós”, e cunha suma máxima, en calquera caso, de seis persoas, non contando menores de 10 anos (incluíndo tamén os de 10). García Comesaña engadiu que as xuntanzas familiares serán, “preferentemente, ao aire libre, ou con xanelas abertas, e por tempo limitado”. Especificou que se dispoña “unha mesa grande para permitir a distancia de metro e medio entre os comensais, con máscara sempre que sexa posible”. Ademais, aconsellou como medida de protección que a mesa sexa posta por unha única persoa e que esta cumpra escrupulosamente co hábito de desinfectar ben as mans.