Galicia explora novos sistemas para mellorar a trazabilidade dos produtos pesqueiros


O Centro Tecnolóxico do Mar, dependente da Consellería do Mar, acollerá o vindeiro 11 de outubro o taller Potencial da dixitalización e Blockchain para a trazabilidade, calidade e sostibilidade no sector pesqueiro, un evento que forma parte das actividades previstas no proxecto Pescando 4.0. Esta iniciativa está liderada pola Cooperativa de Armadores do Porto de Vigo (ARVI) e dela forman parte como socios o Cetmar e o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

O obxectivo principal do proxecto, financiado polo plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e os fondos europeos Next Generation, é poñer en marcha un sistema seguro e fiable que garanta a veracidade e inalterabilidade da información asociada á trazabilidade, seguridade alimentaria e sustentabilidade dos produtos pesqueiros.

Para este fin, desenvolverase e porase en marcha como piloto unha plataforma baseada en tecnoloxías 4.0, concretamente Blockchain e IoT, e validará o funcionamento desta solución en tres pesqueiras, desde a captura do produto ata a súa primeira venda.

O encontro, que terá lugar na sede do Cetmar, abordará esta temática e constará dunha serie de relatorios sobre casos de uso de dixitalización e Blockchain no sector, aos que lle seguirá un taller participativo para identificar oportunidades, posibles barreiras e avances tecnolóxicos relevantes destas tecnoloxías. Ten un límite de 40 prazas e a data para inscribirse remata o 30 de setembro. Os interesados poden anotarse no seguinte enlace, onde tamén é posible consultar o programa do evento.