Unha delegación do Servizo de Inspección Estatal do Medio Ambiente (SEI) de Macedonia do Norte visitou as instalacións do complexo medioambiental de Sogama, en Cerceda, no marco dun proxecto de irmandamento Twinning, liderado pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia.
Esta visita ten como obxectivo dar a coñecer os detalles da operativa de Sogama, tendo en conta que a súa infraestrutura a sitúa entre as máis modernas e eficientes da súa tipoloxía. Este encontro reforza a colaboración que persoal de Sogama vén prestando ao país balcánico tanto a través da transferencia de coñecementos como no deseño de ferramentas prácticas concibidas para mellorar e fortalecer o seu sistema de inspección ambiental para que avance cara a un modelo funcional, moderno e eficiente, en liña cos requisitos do proceso de integración da Unión Europea.
Durante a súa visita ao complexo ambiental, ademais de manter unha reunión co presidente de Sogama, Javier Domínguez, tamén realizaron un percorrido polas instalacións e recibiron unha explicación pormenorizada da xestión e tratamento de residuos que se realiza na planta.
En canto ao proxecto de colaboración, acometeuse unha primeira parte, focalizada na harmonización do marco regulatorio e legal, que logrou bos resultados. En concreto, preparáronse documentos estratéxicos clave tales como a Estratexia Nacional de Inspección Ambiental e a Estratexia de Información e Comunicación, cos que se garantirá unha maior transparencia nas actividades de inspección.
A segunda parte, centrada no fortalecemento da capacidade administrativa, avanza a bo ritmo, sendo un dos seus principais eixos a introdución dun enfoque de inspección intelixente que permitirá priorizar accións segundo o risco ambiental e optimizar os recursos. Finalmente, a terceira parte, xa iniciada, prevé o desenvolvemento dunha Plataforma Nacional Ambiental destinada a establecer mecanismos para previr e combater o delito ambiental.
Sobre os programas Twinning
O programa Twinning é unha ferramenta da Unión Europea destinada a apoiar reformas institucionais en países candidatos á adhesión. A través deste mecanismo, póñense á súa disposición coñecementos especializados das administracións públicas dos Estados membros, impulsando a cooperación e a converxencia cara aos estándares europeos.
Estes proxectos fomentan a transferencia de boas prácticas e o desenvolvemento do tecido institucional nos países beneficiarios, fortalecendo a súa preparación para a integración na Unión Europea.
Neste caso, este proxecto está liderado pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, e conta co apoio do Ministerio de Medio Ambiente de Grecia, en calidade de Júnior Leader, e co da Fundación para a Internacionalización das Administracións Públicas (FIAP), dependente do Ministerio de Asuntos Exteriores de España, entidade que asume a xestión administrativa. Cómpre indicar que na visita desta semana tamén participaron inspectores ambientais de Grecia.
Grazas á axuda proporcionada por este proxecto, Macedonia do Norte pode seguir avanzando na consolidación dunha transformación institucional clave no seu camiño cara á aliñación coas normas europeas, reforzando a eficiencia, transparencia e impacto das inspeccións medioambientais.