A primeira listaxe remitida a semana pasada compleméntase agora con máis de 400 prazas procedentes tanto de concellos galegos como das entidades sociais e de particulares. Así, Galicia dispón un total de 1.400 prazas.
O Goberno central, a través do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, é o encargado de coordinar a chegada dos refuxiados e distribuílos polas comunidades autónomas en función da dispoñibilidade de cada unha e das características das persoas que cheguen.
Tal e como se acordou nas distintas reunións mantidas entre os representantes das diferentes Administracións, os datos vanse actualizando conforme os distintos axentes amplían o número de recursos e prazas ofertadas. Os centros postos a disposición pola Administración autonómica son as Residencias de Tempo Libre de Panxón e o Carballiño, o Centro de Formación e Experimentación Pedro Murias de Ribadeo, o albergue xuvenil de Portomarín, as Casas do Mar de Burela, Celeiro-Viveiro e A Coruña, o Centro de acollida para vítimas de violencia de xénero de Vigo, e os centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo.
Estas prazas súmanse ás 432 camas en hospitais nas sete áreas sanitarias para acoller aquela poboación de Ucraína con necesidades de atención sanitaria. Delas, 113 serán para pacientes pediátricos, 15 para nenas e nenos con necesidades de tratamento oncolóxico e o mesmo número para neonatos. Con respecto aos adultos, das 319 prazas dispoñibles para eles, un total de 25 serían para pacientes oncolóxicos en tratamento.