A afiliación dos Autónomos en Galicia cae en picado ata as peores cifras da serie histórica, ao finalizar o mes de novembro con 209.563 Autónomos, fronte aos 211.287 cos que comezamos o ano. Segundo os datos do Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social a creación de emprego dá síntomas de esgotamento e continúa a sangría de Autónomos.
Ata o mes de novembro a Seguridade Social sumou 14.429 cotizantes ao Réxime de Autónomos, crecemento moi inferior ao de 2.018, cando no mesmo período o réxime de Autónomos sumou 49.460 cotizantes. A diferenza é máis que evidente e mostra que estamos ante unha desaceleración da economía. A inestabilidade e parálise política na que levamos instalados desde hai demasiado tempo empeza a pasarnos factura, e como sempre, os Autónomos levan a peor parte.
Por Comunidades, crecen en número de Autónomos, Andalucía, Madrid, Valencia, Canarias, Baleares e Murcia. En cambio, lideran a perda de Autónomos Castela e León, con 2.126 Autónomos menos, Galicia, que perde 1.725 Autónomos e Cataluña, cunha perda de 1.594 licenzas en 2.019. Só no mes de Novembro, Galicia perde máis de 500 Autónomos, cada día de novembro Galicia perde máis de 15 Autónomos. Polo que se refire aos datos por provincias, en Galicia a maior baixada é para Lugo, que perde no período analizado a friorenta de 721 Autónomos, seguido da Coruña, con 542 Autónomos menos, Ourense con 511 Autónomos menos, e só se salva Pontevedra, que aguanta cunha pequena subida de 52 Autónomos.
Por sectores, unha vez máis, o comercio mostra un descenso imparable e imos abocados a unha perda de 5.000 activos no sector. A hostalería, sobre todo debido á estacionalidade de Baleares é o sector no que se perden máis activos no pasado mes de novembro.
Galicia non para de perder Autónomos mes tras mes. A parálise é evidente e a sangría tamén. Falta de estabilidade política, falta dun goberno e un parlamento que traballen, inseguridade xurídica, elevados tipos impositivos, apoios aloucados ao emprendemento que se ven abocados ao fracaso, e a ausencia de verdadeiros apoios aos autónomos que resisten e continúan en activo.
É necesario un plan que fomente o autoemprego en sectores que poidan consolidarse e dotar a eses empregos de estabilidade e non seguir baseándose en factores estacionais ou puramente conxunturais. Crear mecanismos de financiamento eficiente para os autónomos, un programa de substitución xeracional que facilite a pervivencia dos negocios viables, eliminar trabas burocráticas, en definitiva, crear as condicións para que os autónomos poidan traballar dignamente e crear riqueza e emprego.