A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou por videoconferencia no Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios que serve de preparación para o próximo Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea. Neste encontro Galicia demandou unha estratexia común para defender os intereses da frota que faena no Gran Sol nas futuras negociacións de posibilidades de pesca tanto no seo da UE como co Reino Unido.
Rosa Quintana insistiu no importante peso que ten a comunidade autónoma galega no conxunto da actividade marítimo-pesqueira estatal. Un valor que se reflicte no feito de que Galicia posúe máis do 70% das cotas españolas en augas británicas e ademais ostenta a representación das comunidades autónomas españolas en materia pesqueira no Consello de Ministros de Pesca da UE.
Ademais a conselleira volveu trasladar a preocupación de Galicia sobre as consecuencias do acordo do brexit para o sector marítimo-pesqueiro trala cesión ao Reino Unido do 25% das posibilidades de pesca europeas por parte do Executivo comunitario a cambio do acceso ás augas británicas durante só cinco anos e medio. Ao impacto directo na frota galega súmanse outros aspectos como que os buques británicos non se verán sometidos á Política Pesqueira Común nin a normativas como a obriga de desembarque.