A Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica presentou ante a Secretaría Xeral de Pesca (SXP) do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a proposta dunha serie de peticións co fin de poñer en marcha determinadas flexibilidades, exencións e medidas de simplificación no desenvolvemento do regulamento europeo para o control da pesca que se recollen dentro da propia normativa comunitaria e que resultarían beneficiosos para o sector en Galicia e, de forma especial, para a súa frota artesanal.
Así, desde a Consellería do Mar trasladan á SXP un total de 23 propostas entre as que se atopan a da exención de determinadas categorías de buques pesqueiros da obriga de completar e presentar unha notificación previa e unha declaración de transbordo; a exención para determinadas poboacións de la obriga de estibar por separado as poboacións demersais suxeitas a plans plurianuais; as normas sobre procedementos de pesada e as normas especiais relativas ás pequenas especies peláxicas; normas sobre os observadores encargados do control; ou as normas sobre inspeccións das autoridades competentes dos Estados membros e dos operadores.
Sobre a obrigatoriedade de localización, pídese eximir ata o 31 de decembro de 2029 a determinados buques artesanais para que dispoñan do tempo suficiente para prepararse para o uso de novas ferramentas adaptadas, entre eles os de menos de 9 metros ou os que nunca pasen máis de 24 horas no mar. Nos de eslora de por debaixo de 12 metros, que poden levar un dispositivo que non ten que estar instalado a bordo, deberán dispor dun sistema alternativo por desenvolver ou a escala estatal ou para o conxunto da UE.
En canto ao sistema de identificación automática (AIS), que os barcos de máis de 15 metros de eslora deben ter en funcionamento en todo momento, sinálase a necesidade de establecer excepcións en determinadas circunstancias, por exemplo, para que poda ser desconectado se o capitán o considera necesario para a seguridade do seu buque.
Tamén se demanda que non se lle impute esforzo pesqueiro a un barco que non puidese faenar por estar prestando asistencia a outro buque que precisaba axuda urxente ou por estar transportando a unha persoa ferida que precisaba atención médica.
Tamén se demandan exencións á obrigación de estibar por separado as distintas poboacións de peixes demersais despois de que a introdución e proliferación de plans plurianuais dificulten en determinadas circunstancias poder facelo pola limitación del espazo de almacenamento a bordo e mesmo pola seguridade dos tripulantes.