Galicia reclama ser tida en conta no reparto dos fondos do IRPF


A conselleira de Política Social, Fabiola García, pediu este mércores que se teña en conta a Galicia no reparto dos fondos adicionais destinados a proxectos de entidades sociais con cargo ao 0,7% do Imposto da Renda ás Persoas Físicas (IRPF). Fíxoo durante a reunión plenaria do Consello Territorial de Servizos Sociais e Dependencia celebrado no Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social.

Nesta xuntanza, na que participaron representantes dos executivos autonómicos e do central, confirmouse que este exercicio Galicia recibirá cando menos 12,5 millóns de euros procedentes do 0,7% do IRPF para financiar actuacións do tecido asociativo galego, o mesmo importe que no ano 2018.

A conselleira fixo fincapé no importante traballo que realizan a pé de campo e todos os días do ano estas entidades en beneficio das familias, os maiores, as persoas con discapacidade e aquelas en risco de exclusión social, así como nos ámbitos da igualdade e a sanidade.